Última oportunidade para obter o PNB coa lexislación actual

O 10 de decembro haberá un exame extraordinario de PNB (Patrón para a Navegación Básica) na Escola Náutico Pesqueira de Ribeira á que a Escola Náutica Portomeloxo, dentro do seu programa náutica Popular que vén desenvolvendo co  Multiusos Fontes do Sar, presentará un grupo na que pode ser a última oportunidade de obter este título coa actual lexislación.  Na nova lexislación que se acaba de aprobar, e que entrará en vigor a principios de ano, as prácticas de radio pasan de ser de 2 horas a 10, co que o prezo tamén se multiplicará proporcionalmente.

O curso é en modalidade “on line” e para participar débese realizar a matrícula por medio da web www.nauticapopular.com e enviar a documentación que se require para inscribirse oficialmente no exame.  A documentación debe remitirse antes do 8 de novembro.  As prácticas, tamén pola lei actual anterior ao cambio, pódense realizar antes ou despois do exame teórico.  Para máis información poden escribir a info@nauticapopular.com ou chamar ao teléfono 616217619 (Pedro Puialto). Os alumnos poderán facer as prácticas oficiais obrigatorias en embarcacións homologadas da Escola Náutica Portomeloxo a prezos especiais e, á súa conveniencia,  antes ou despois do exame teórico, aínda pola lexislación actual.

O PNB (Patrón para a Navegación Básica) permite o manexo de embarcacións de motor sen límite de potencia de ata 7,5 m. de eslora e de vela de ata 8 m. e de toda clase de motos acuáticas,  en áreas de navegación de ata 5 millas de distancia dun porto ou lugar de abrigo. Este título é o máis popular pois ademais de non requerir de moito  esforzo para obtelo é máis económico e suficiente para a maioría dos navegantes.

O prezo do curso “on line” é de 170 €, IVE incluido.  Para inscribirse, basta cubrir un formulario que se atopa na web e efectuar unha transferencia  polo citado importe.

Pin It