Pechan as piscinas de verán Fontes do Sar con récord de afluencia

Piscinas Sar 11O 14 de setembro é o último día de apertura das piscinas descubertas Fontes do Sar. Logo dun verán especialmente caloroso e seco, a instalación pecha as súas portas despois de case tres meses cun dato récord de asistencia de 39.200 entradas, 10.300 máis que no mesmo período do ano pasado, e 13.000 máis que no 2014. Amais, afortunadamente ao longo de toda a época estival non houbo que lamentar ningún accidente de gravidade e non se fixo necesaria a intervención do equipo de socorristas en situacións de emerxencia.

Coa instalación xa pechada ao público, o xoves iniciaranse os traballos de acondicionamento de cara ao inverno, que se centrarán na montaxe do globo presostático que cubre a piscina e na colocación de aneis de reforzo para conseguir unha maior estabilidade. Mentres se levan a cabo estas tarefas os abonados do Multiusos Fontes do Sar poderán empregar as piscinas do Complexo Deportivo Santa Isabel.

O sábado 1 de outubro as piscinas Fontes do Sar volverán abrir na súa versión de inverno. Nesta mesma data darán comezo os cursiños de natación cuadrimestrais que se desenvolverán na instalación de Sar e na piscina do C.D. Santa Isabel, para os que se abre a inscrición para os adultos non abonados o 14 de setembro, e para os nenos non abonados o 15 de setembro.

Pin It