O «León de Belfast» triunfou no Multiusos no seu único concerto en España

O sábado 19 de maio ás 20:00 horas, Van Morrison, un dos grandes da música de tódolos tempos, estivo en concerto en Santiago de Compostela. Preto de 5.000 persoas -chegadas dende diversos puntos de España- gozaron de unha hora e media de «gloria» da man do artista irlandés. O «león de Belfast» logrou longos aplausos dun público totalmente entregado que gozou dun concerto salpicado de moito country e con altas doses de clásicos. «Brown Eyed Girl» e «Gloria» puxeron o broche de ouro a unha actuación á altura do mito.

O artista norirlandés regresa a España ós 61 anos e despois de publicar o seu disco número 37, Van Morrison At The Movies: The Soundtrack Hits (2007), un recopilatorio que recolle a súa aportación musical á industria do cine. Neste último traballo inclúe temas coma o clásico interpretado por Them, «Gloria» (que aparece no filme de Francis Ford Coppola Rebeldes), e cancións do talle de «Baby Please Don’t Go» (da banda sonora de Corazón Salvaje, de David Lynch), «Brown Eyed Girl» (inserta na película de Oliver Stone Nacido el 4 de julio), «Wild Night» (en Thelma & Louise), «Caravan» (en El último vals), «Moondance» (a xoia musical de Un hombre lobo americano en Londres, de John Landis) ou «Comfortably Numb» (unha versión dun tema de Pink Floyd que asoma na recentemente oscarizada película Infiltrados, de Martin Scorsese).

Dende que saiu ó mercado o seu primeiro disco en solitario, Blowin’ Your Mind (1967) até a publicación do último, Van Morrison At The Movies (2007), o «león de Belfast» logrou cativar ós amantes da boa música coa súa particular voz, o seu estilo propio e o seu dominio do saxofón, da armónica, do piano e a guitarra. Na súa traxectoria musical abordou moi variados estilos, dende o blues ou o rhythm and blues até o soul, o jazz ou o pop-rock, todos con igual éxito. O 22 de febreiro deste ano, na cerimonia previa á entrega dos Oscar, Van Morrison -que contribuiu a máis de 50 películas- recibiu unha homenaxe en recoñecemento á súa participación no cine. Algúns dos seus maiores éxitos, como «Fame», «Come Running», «Brown Eyed Girl», «Blue Money», «Stop Drinking» ou «Moondance».

Pin It