Máis de 2.000 persoas gozaron no Multiusos do directo de Gary Moore

Preto de 2.200 persoas vibraron este luns 11 de maio co rock-blues do guitarrista irlandés Gary Moore (Belfast, 1952). O artista presentou no seu directo algúns dos temas do seu último disco, Bad For You Baby, publicado en setembro de 2008, e lembrou moitos dos éxitos do seu repertorio. A de Santiago foi a única cita galega do artista, nunha xira que o está a levar por varios lugares de España: Pamplona, Salamanca, Bilbao, Granada, Valencia, Madrid e Barcelona. Gary Moore estivo precedido no escenario por Otis Taylor, que presentou sobre o escenario o seu novo disco, Recapturing the Banjo. A actuación contou co patrocinio de Fundación Caixa Galicia, Xacobeo, Concellaría de Cultura e Estrella Galicia.
O ano pasado Gary Moore realizou unha minixira por España que fixo parada en Córdoba, Almería e Murcia, con gran éxito de público logo de dous anos anos sen pisar un escenario en España. Galicia non figuraba nos seus plans desde o ano 1993, cando se cancelou un concerto que ía ofrecer no Estadio de Riazor. Agora, quince anos despois, os seus seguidores galegos tiveron unha única ocasión de ver o seu directo.
Nos seus inicios Gary Moore pertenceu ás bandas Skid Row, Thin Lizzy e Colosseum II, e nos anos oitenta decidiu continuar a súa carreira musical en solitario. O álbum After hours, no que contou con colaboracións dos norteamericanos B.B.King e Albert Collins, colocouno como un dos músicos de blues máis importantes dos últimos anos. Outros dos seus discos máis destacados son «Still Got the Blues» (1990), “Dark Days in Paradise” (1997), “Back to the Blues” (2001) e “Close As You Get” (2007). O seu último álbum, Bad For You Baby, veu a luz en setembro do ano pasado.

Pin It