Buika presentou no Multiusos Fontes do Sar o seu novo disco e a súa xira de concertos por España

A cantante mallorquina Buika visitou Santiago de Compostela o 16 de outubro, para presentar en rolda de prensa o seu disco “El Último Trago”, e para falar do seu próximo tour de concertos por España. Buika realizou esta presentación previa no Multiusos Fontes do Sar, o mesmo lugar onde o mércores 28 de outubro comezará a xira de actuacións coa súa banda. Buika estivo acompañada na mesa por Teresa Porto, directora da Fundación Caixa Galicia; Juan Paz, Brand Manager de 1906 Reserva Especial; e Santiago López Cuadrado, xerente do Multiusos Fontes do Sar.
A cantante mallorquina falou na presentación deste venres das novidades do seu disco “El último trago”, un álbum gravado conxuntamente con Chucho Valdés que inclúe doce temas do repertorio de Chavela Vargas e que verá a luz o 20 de outubro. Buika aproveitou a ocasión para presentar tamén a súa xira de concertos por España, que se inicia o 28 de outubro no Multiusos Fontes do Sar, e que estará posteriormente en Zaragoza, Madrid, Barcelona, Cartagena (Murcia) e San Sebastián. Unha xira na que a mallorquina, de familia orixinaria de Guinea Ecuatorial, amosará súa particular visión da música, mestura de flamenco, rancheras e jazz.
As entradas para ver a Buika en directo o 28 de outubro (21:30h) no Multiusos Fontes do Sar están á venda a través das canles de Caixa Galicia (902 43 44 43, www.caixagalicia.es) a un prezo de 25€ para as plateas A e B (xusto enfrente do escenario), 21€ para os sectores C e D (enfrente do escenario, na zona fondo) e de 18€ para o sector E (lateral). As persoas que merquen a entrada coa tarxeta Visa
Electrón NetClub gozarán dun 15% de desconto sobre estes prezos.
A actuación de Buika en Santiago conta co patrocinio de Fundación Caixa Galicia,
a Concellaría de Cultura de Santiago e Estrella Galicia 1906.

Pin It