ENTREVISTA A TOÑO CASTRO, instructor. «O deporte é un medio de escape»

Cando comezaches a traballar no Multiusos Fontes do Sar?
Hai 8 anos.
Que te levou a ser instructor de fitness?
Sempre me gustou o mundo do fitness e toda a vida traballei de cara ao público, así que cando xurdiu a oportunidade decidín combinar ambas cousas.
Eres monitor de BodyStep, de Elyptic, de Pump, de Tono… Como te formaches para poder impartir estas disciplinas?
No referente aos bodys, cada tres meses hai reciclaxes nos que nos amosan as novas coreografías e nos explican se se introduciu algún cambio. En relación ás actividades de tono e eliptic, todos os anos asisto a algunha convención de fitness para ver e aprender a evolución destas dúas disciplinas.
Algunhas persoas son reacias a asistir a clases dirixidas porque temen non dar seguido a coreografía. Que lles dirías?
Que para todo sempre hai unha primeira vez. O primeiro día e o segundo é lóxico que non sigan a coreografía. Estarán nerviosos polo que se poden atopar… pero eu sempre lles digo que se relaxen, que o tomen con calma, que se non sae un día sairá o seguinte e se non, o seguinte. O caso é que vaian relaxados e coa mentalidade de pasar unha hora agradable. Cando menos o esperen, verán que están seguindo a clase case sen darse de conta.
Moitos usuarios verante coma un confidente á hora de practicar deporte, pídenche consello para poñerse en forma?
Si o fan, sobre todo cando teñen algún problema. En ocasións, ao descoñecer como se realiza algún exercicio teñen medo de danarse, outras veces preguntan para mellorar o seu rendemento ou consultarme algunha dúbida.
A alguén que se inicia no ximnasio, que lle recomendarías?
Ante todo constancia. Unha vez que te habitúas a ir dúas ou tres veces á semana xa se converte nun costume e é difícil deixalo. É interesante que vaian probando as distintas actividades ofertadas, deixando atrás a vergoña ou a timidez, e se queden con aquelas nas que se atopen máis cómodos.
Na túa opinión, por que a xente debe practicar deporte?
Principalmente por saúde. Hoxe non temos tempo para nada, acumúlase o traballo, temos problemas familiares, estrés… e todo isto repercute na nosa calidade de vida. O deporte é un medio de escape a todo iso: por uns instantes esquéceste dos problemas, reláxaste, e ao mesmo tempo fas exercicio para manterte en forma… alguén da máis?

Pin It