Abren as piscinas de verán Fontes do Sar

Despois de dúas semanas de acondicionamento, as Piscinas Fontes do Sar abren as súas portas mañán, venres 15 de xuño, sen a “carapucha” que as cubre no inverno, para que poidan ser utilizadas durante a época estival. As instalacións abrirán de luns a domingo, en horario de once da mañá a nove da noite, e poderán ser utilizadas libremente polos abonados/as do Multiusos Fontes do Sar e C.D. Santa Isabel, e polo resto de cidadáns previo pago da súa entrada.

As piscinas de verán Fontes do Sar dispoñen de tres vasos: un vaso “de competición” de 425 m³ de lámina de auga, un vaso de aprendizaxe de 445 m³ de lámina de auga, e un vaso de chapoteo de 120 m³ de lámina de agua que se usa exclusivamente no verán. Contan cunha ampla zona de vestiarios, unha enfermería e unha cafetaría, que só permanece aberta durante a época estival. Todos os usuarios que acudan ás piscinas teñen que levar bañador, gorro de baño e chancletas, e deben cumprir unha serie de normas, tales como ducharse antes de entrar na auga, non usar colchonetas ou non tirarse á auga de cabeza. Amais, os menores de 8 anos deberán estar acompañados dun adulto durante o uso libre do vaso deportivo.

Os abonados do Multiusos Fontes do Sar e do Complexo Deportivo Santa Isabel poderán acceder libremente á instalación co seu carné de abonado. As persoas que non estean inscritas en ningún dos dous centros, deberán pagar a súa correspondente entrada: os rapaces de entre 3 e 6 anos pagarán 1,80 €; os que teñan entre 7 e 16, aboarán 2,15 € por xornada; os adultos de entre 17 e 60 anos pagarán 3,30 € pola entrada; e a partir dos 60 anos o prezo será de 1,80€.

Pin It