O Multiusos Fontes do Sar organiza o seu primeiro campus de verán para nenos

Este verán os nenos e nenas de Compostela terán a posibilidade de desfrutar da programación multidisciplinar do primeiro Campus Sar, que terá lugar no Multiusos Fontes do Sar entre o 25 de xuño e o 6 de setembro en quendas semanais. O tenis, o pádel, a natación e o inglés centrarán a formación e o entretemento dos máis pequenos, aínda que tamén haberá momento para outras actividades como o fútbol sala, o baile, os xogos cooperativos, etc.

Este primeiro campamento estival está destinado aos rapaces e rapazas de entre 4 e 12 anos de idade. As actividades desenvolveranse de luns a venres entre as 8:45h e as 14:30h nas piscinas, nas pistas de pádel e tenis de Sar, no hall de entrada, pistas central e polideportiva, e salas de actividades do Multiusos.

En pádel, tenis e natación faranse grupos de traballo en función dos niveis, con clases de iniciación e perfeccionamento en cada disciplina. As clases de inglés seguirán a metodoloxía e contarán con profesorado da escola Wonder School. O campus contará coa presenza de profesionais con formación específica en cada área, entre os que se contan licenciados en educación física, monitores de tempo libre, instructores de pádel, de tenis e de natación, e licenciados en filoloxía inglesa.

Amais de favorecer a conciliación familiar, entre os obxectivos do Campus Sar 2013 están que os nenos poidan coñecer e practicar diversos deportes; mellorar en determinadas disciplinas, coma o tenis, a natación, etc; descubrir diferentes formas de divertimento, cooperación e traballo en equipo; e fomentar que os alumnos desfruten e teñan unha experiencia positiva.

Haberá prazas limitadas. A inscrición será presencial na recepción do Multiusos Fontes do Sar, nas Piscinas Fontes do Sar e no Complexo Deportivo Santa Isabel. Dende o 2 de maio poderán anotarse os abonados ao Multiusos do Sar e C.D. Santa Isabel, e a partir do 1 de xuño os non abonados. O prezo vai dende os 42€/semana e os 140 €/mes para abonados aos centros, ata os 62 €/semana e os 220 €/mes para os non abonados.

Preme aquí para descargar o folleto do campus

Pin It