El mago Martín Camiña actúa este viernes en el Campus Sar

O campamento multidisciplinar do Multiusos Fontes do Sar, que esta semana conta con 400 rapaces de entre 4 e 14 anos, contará este venres cun evento especial: un espectáculo de maxia co mago Martín Camiña. Á actuación asistirán todos os nenos do Campus Sar e, se así o desexan, poderán estar acompañados dos seus familiares. O evento terá lugar o venres 12 de xullo ás 10:30h na pista central do recinto. A partir das 10h abrirán as portas do Multiusos para que accedan os acompañantes.

Martín Camiña é un mago galego que levou a súa maxia por toda a península, así como ao estranxeiro, actuando en lugares como Xapón, Estados Unidos, Alemaña e Holanda. Os seus espectáculos abranguen dende números de gran formato ata efectos de maxia de preto, con cartas ou moedas.

Martín ten unha gran capacidade de traballo, que o levou a realizar visitas guiadas máxicas a museos e a colaborar cos seus efectos de maxia nalgún espectáculo do Centro Coreográfico Galego, así como a crear espectáculos como «A Outra Realidade», de maxia e teatro, «Corcheas, Semifusas e Ilusións», con música en directo, ou «Feitizo», co que percorreu a meirande parte dos teatros do país. No Multiusos presentará unha selección dos seus números máis divertidos e impactantes, os máis axeitados para un público infantil e familiar.

Pin It