La piscina de Sar abre en formato verano

A Piscina de Sar dá por iniciada oficialmente a súa tempada de verán de xeito definitivo. Tras un período de transición desde o pasado 25 de maio —no que se mantivo un modelo mixto e climatizado para compatibilizar a natación e o lecer—, a partir deste sábado 20 de xuño a instalación funcionará exclusivamente en formato estival.

Con esta mudanza, todos os vasos da piscina estarán dispoñibles e o público poderá gozar plenamente tanto das zonas de verán (vestiarios, cafetaría…) como dos espazos exteriores de praia e céspede, que xa están habilitados. O horario de apertura estenderase de luns a domingo, de 11:00 a 21:00 horas, e a cuberta móbil do recinto manterase aberta durante as xornadas de sol.

As persoas asociadas aos centros MultiSan (Multiusos e Santa Isabel) poderán acceder libremente, e as que non o son aboarán a correspondente entrada: 2,59€ os maiores de 60 e os menores de 3 a 6 anos; 3,10€ a cativada entre 7 e 16 anos; e 4,70€ os adultos.

 

Festa ‘Welcome Summer’

Para celebrar o inicio da tempada por todo o alto, as instalacións acollerán este sábado 20 de xuño, das 11:00 ás 13:30 horas, a festa Welcome Summer. A xornada festiva contará cun grande inchable na auga para asegurar a diversión matinal de toda a familia. A actividade será gratuíta para todas as persoas abonadas.

 

Arranca o Campus Sar para a conciliación familiar

Co gallo do inicio das vacacións escolares, o vindeiro luns porase en marcha o Campus Sar, unha proposta deseñada para que a cativada viva un verán inesquecible mentres as familias contan cunha alternativa de conciliación.

O campus ofrece unha programación que combina deporte, xogos, piscina, plans ao aire libre, excursións e actividades en inglés. Para facilitar a loxística familiar, o servizo dispón de horarios flexibles e inclúe a opción de comedor ata as 16:00 horas.

Pin It