A selección española de baloncesto feminino impúxose á de Cuba (81-70) nun encontro amistoso celebrado no Multiusos Fontes do Sar

O domingo 17 de maio o Multiusos Fontes do Sar acolleu o partido internacional de baloncesto feminino que enfrontou ás seleccións nacionais de ESPAÑA e CUBA. Unhas 1.300 persoas nas bancadas animaron ás españolas, que acadaron o triunfo por 81-70.

A selección que dirixe Evaristo Pérez chegou a Santiago o xoves desde San Fernando (Cádiz), onde permaneceu concentrada para a preparación do EuroBasket 2009. Amais de desputar o partido do domingo, o combinado nacional asistiu o venres pola mañá a unha recepción oficial no Concello de Santiago, e pola tarde realizou un adestramento de portas abertas no Multiusos e impartiu un campus de baloncesto aos equipos infantís femininos de varios clubs de Santiago (Peleteiro, Pío XII, Cluny).
O sábado o combinado español impúxose no primeiro encontro amistoso contra a selección nacional de Cuba no Pavillón A Malata de Ferrol (67-53). O domingo 17 de maio no Multiusos Fontes do Sar as españolas asinaron o seu segundo triunfo no seu segundo encontro de preparación de cara ao Eurobasket de Letonia (81-70). O conxunto nacional non tivo controlado o partido ata o último cuarto, cando soubo dominar o rebote defensivo e logrou distanciarse once puntos; pouco a pouco as españolas gañaron en confianza e puideron rematar o encontro 81-70.

Pin It