Unhas oitenta persoas coñecen no Multiusos Fontes do Sar o QiGong da man do prestixioso profesor Yu Dinghai

Preto de oitenta persoas achegáronse ata o Multiusos Fontes do Sar dende diversos puntos de Galicia e incluso dende fóra da comunidade (cinco persoas viñeron á actividade dende León) para coñecer o Qigong na súa versión máis actual no obradoiro de Qigong Renovado da Saúde que se celebrou o día 4 de marzo. A actividade foi impartida por catro profesores da Asociación Estatal China, entre os que se atopaba o prestixioso profesor Yu Dinghai e o Secretario Xeral Sr. Yi Yunshi.
O Qigong forma parte do conxunto da Mediciña Tradicional China, xunto coa Acupuntura, a Moxibustión, a Tui Na (masaxes), a Dietética e a Farmacopea. A práctica de Qigong axuda a gañar en elasticidade, favorece a relaxación e o control do estrés, mellora a vitalidade e aumenta a sensación de benestar. Estudos médicos realizados en China amosaron tamén que os exercicios realizados correctamente son seguros e non teñen contraindicacións, non producen efectos secundarios, e incluso axudan á mellora dalgunhas enfermidades crónicas como a hipertensión ou a diabete. A práctica continuada dos exercicios mellora a flexibilidade articular, a elasticidade, a forza muscular e o equilibrio.
Os movementos de torsión da cintura actúan directamente sobre as funcións do sistema dixestivo, circulatorio e cardiovascular e sobre o sistema nervioso xeral. A práctica regular e constante de Qigong axuda a equilibrar os sistemas físico, enerxético e espiritual, de tal xeito que o yin e yang poidan equilibrarse en favor da saúde e de xeito que se colabore na prevención e mellora de todo tipo de doenzas.

Preme aquí para ver as fotos do obradoiro

Pin It