ARTIGO. Light-Contact, unha actividade para descargar adrenalina. Por Juancho Vázquez, instructor

Light-Contact é unha actividade de contacto que axuda a descargar adrenalina e a gañar en forza, resistencia e flexibilidade. Con este adestramento o usuario aprende a defenderse, sen que isto conleve ningún risco para a súa saúde. No Multiusos Fontes do Sar prográmanse dúas clases á semana, e no Complexo Deportivo Santa Isabel ofrécese unha sesión.
Que é o Light-Contact?
É unha modalidade do Kick Boxing cuia base é a aprendizaxe e aplicación práctica das técnicas de combate. Trátase dunha modalidade moi espectacular en competición, debido ao traballo dos puños de boxeo inglés e ás patadas das artes marciais. É unha sesión moi dinámica, de movemento constante, que nos aporta unha gran resistencia física e que nos axuda a mellorar a nosa condición física.
É apta para todos os públicos?
Esta clase está orientada a calquera usuario maior de 18 anos, sen que importe a súa condición física. O instructor guía á persoa para que realice os movementos correctamente e con precisión, para que non resulte en absoluto agresivo, e para que o usuario se adapte á clase en función da súa condición. Amais, é unha clase moi dinámica na que o adestramento se entende como un momento de aprendizaxe e diversión.
Unha actividade estimulante.
Tanto no traballo individual no seo da clase coma en parellas e cos aparellos (puching-ball, saco, combas, paos, etc), a actividade resulta estimulante para todos os asistentes. Pouco a pouco, de xeito progresivo, notarán como adquiren habilidades nesta disciplina e como conseguen unha notable melloría física nun curto espazo de tempo.
Que beneficios se obteñen coa asistencia regular a esta clase?
Está demostrado que os deportes de combate descargan máis adrenalina que calquera outro deporte. Esto débese en grande medida a que conlevan unha intensa actividade física, e á utilización de elementos que axudan a descargar enerxía negativa: traballo de saco, puching ball, paos, manoplas… Amais de conseguir un maior desenvolvemento físico e técnico coa asistencia regular a esta sesión, o practicante de Light-Contact adquire coñecementos de defensa personal, o cal lle axuda a aumentar a seguridade en sí mesmo e a súa autoestima.

Pin It