Este domingo, 15 de setembro, é o último día de apertura das piscinas de verán Fontes do Sar

O domingo 15 de setembro será o último día que os composteláns poderán gozar das piscinas de verán Fontes do Sar neste ano 2013. O luns 16, coa instalación xa pechada ao público, iniciaranse os traballos de acondicionamento de cara ao inverno.

Dende que abriron o 14 de xuño, as piscinas de verán rexistraron un total de 36.800 usos, o que supón case 8.000 máis que no mesmo período do ano pasado. A semana de maior afluencia coincidiu coa ola de calor, do 4 ao 11 de xullo, cando se chegaron a concentrar máis de 1.600 persoas nun só día.

O luns 16 de setembro comezarase a acondicionar a piscina de cara ao inverno, un traballo que se centrará na montaxe do globo presostático que recubre a zona e na colocación de aneis de reforzo para conseguir unha maior estabilidade do globo. Mentres duren estes traballos, os abonados do Multiusos Fontes do Sar poderán empregar as piscinas do Complexo Deportivo Santa Isabel.

O luns 1 de outubro volverán abrir as piscinas Fontes do Sar na súa versión de inverno, polo que os abonados do Multiusos poderán volver nadar na súa instalación habitual. Nesta mesma data darán comezo os cursiños de natación cuadrimestrais que se desenvolverán na instalación de Sar e na piscina do C.D.Santa Isabel.

Pin It