Aberta a inscrición para novos cursos de PER, Patrón e Iate e Capitán de Iate Exprés no Multiusos Fontes do Sar

A aula náutica do Multiusos Fontes do Sar acolle neste primeiro trimestre do ano novos cursos de PER, Patrón de Iate e un curso Exprés de preparación a un exame extraordinario de Capitán de Iate, para os que xa está aberta a inscrición. Os cursos están organizados polo Multiusos Fontes do Sar e a Escola Náutica Portomeloxo, recoñecida pola Xunta de Galicia co indicativo ENAL XGEN 021, dentro do programa Náutica Popular que ambas entidades veñen desenvolvendo conxuntamente. Os alumnos terán exames extraordinarios e poderán realizar as prácticas oficiais a prezos reducidos, antes ou despois dos exames e en diferentes lugares.

PER
O 30 de xaneiro terá lugar a presentación e entrega de material do curso de Patrón de Embarcacións de Recreo. As clases comezarán o día seguinte e serán todos os martes de 20 a 22 h. O exame, extraordinario e específico para este curso, celebrarase na Escola Náutico Pesqueira de Ribeira o 21 de marzo pola tarde. Como é habitual, o curso é de modalidade mixta, combinando un curso por Internet de última xeración, desenvolvido en exclusiva por Portomeloxo, con clases presenciais a cargo de profesores especializados.
O PER é o título máis demandado. Permite o manexo de embarcacións de ata 12 m. de eslora sen límite de potencia ata 12 millas da liña que discorre paralela á costa, así como a navegación interinsular nos arquipélagos canario e balear. Tamén inclúe o uso de calquera clase de motos acuáticas. O prezo do curso é de 265 € para os abonados ao Multiusos do Sar ou ao C.D. Santa Isabel e de 295 € para o resto.

Patrón de Iate
Este curso celébrase por primeira vez nas instalacións en modalidade semipresencial. A presentación e suscrición ao curso “on line” exclusivo da Escola Náutica Portomeloxo terá lugar o 29 de marzo. As clases presenciais serán todos os sábados de 10 a 14 horas, dende o 14 de abril ao 2 de xuño. O exame extraordinario para este grupo celebrarase na Escola Náutico Pesqueira de Ribeira os días 5 e 6 de xuño pola tarde. O prezo do curso teórico é de 380 € para os abonados ao Multiusos ou ao C.D. Santa Isabel e de 410 € para o resto.
O título de Patrón de Iate é de certa categoría pois habilita para o manexo de barcos de ata 20 metros de eslora en navegacións de ata 60 millas da costa. Está considerada unha titulación semiprofesional ao ser demandada por moitas empresas do sector.

Capitán de Iate Exprés
Tamén se estrea este trimestre a modalidade Exprés dun curso de Capitán de Iate, consistente nunha preparación intensiva para ultimar a presentación ao exame dirixida a alumnos que xa teñen coñecementos previos e estudian pola súa conta. Deste xeito, trala presentación e entrega de documentación que terá lugar no Multiusos o sábado 18 de febreiro ás 16.00 h., haberá 4 clases presenciais os sábados do 3 ao 24 de marzo, en horario de 16 a 21 horas. O exame extraordinario, conxunto cos alumnos de Portomeloxo que veñen realizando tamén no Multiusos o curso normal dende o 15 de outubro de 2011, celebrarase na Escola Náutico Pesqueira de Ribeira os días 27 e 28 de marzo.
Capitán de Iate é o máximo nivel das titulacións náuticas de recreo. Habilita para o manexo de toda clase de embarcacións por todos os mares do mundo, sen ninguna limitación. O prezo deste curso é de 265 € para os abonados ao Multiusos do Sar e C.D. Santa Isabel e de 295€ para o resto.

As prácticas oficiais obrigatorias destes cursos teñen prezos reducidos para os alumnos e pódense realizar antes ou despois do exame teórico e en distintos lugares. O pago das prácticas efectuarase ao facelas.
Para inscribirse nos cursos hai que enviar nome e teléfono ao email cursosnautica@multiusos.net e pagar o importe na conta de Portomeloxo S.L, nº 0182 0267 13 0201551355, ou ben pagar en efectivo o mesmo día da presentación. Admítese o pago fraccionado e se algún alumno non supera o exame pode acudir ao seguinte curso de forma gratuita.

Pin It