“Espelliño máxico… ¡axúdame a adelgazar!”. Por Fran Gómez, adestrador persoal e nutricionista deportivo

Hai tempo que sabemos que obesidade e hormonas están moi vencelladas. Un depósito de graxa concreto (barriga, nádegas, costas…) desenvólvese moitas veces ao calor dun problema hormonal particular. Por iso, poñernos diante dun espello e dedicar uns minutos a observar o noso corpo pódenos axudar a descubrir que tipo de sobrepeso nos afecta e con qué armas podemos atallalo.

-Obesidade alta: a graxa ten un aspecto duro e compacto, e se nos amorea na parte alta do corpo, desde as costas e a caluga, ata a cara e o tórax. Vencéllase a desarreglos no cortisol plasmático. Subimos de peso só cando nos sobrealimentamos así que o máis axeitado é facer unha disminución de calorías na nosa dieta, de xeito paulatino, sen baixar máis de 500 calorías dunha vez, e repartíndoas entre hidratos, proteínas e graxas. Debemos seguir unha rutina de exercizos aeróbicos e mellorar o efecto con cavitación.

-Obesidade abdominal: temos a típica “barriga de cervexa” masculina: dura e compacta, coas pernas e os brazos delgados. Tamén podemos notar que adoitamos sentir calor e que despois de comer nos dá o sono. Vén causada moitas veces por hiperinsulinismos xa que nos excedemos coa pasta, o pan, a propia cervexa ou os doces. Na muller, este tipo de gordura tamén se relaciona coa chamada “obesidade nerviosa”: quen a padece colle máis peso en momentos de ansiedade ou en fases depresivas. Cómpre reducir a inxesta de carbohidratos complexos e buscar outros alimentos de menor índice glicémico. A fibra pode ser un bo aliado. A obesidade nesta zona responde moi ben ós exercizos aeróbicos combinados con plataforma vibratoria, cavitación e vacumterapia.

-Obesidade baixa: acumulamos a graxa en cadeiras, nádegas, pernas e tamén en brazos. Non mellora deixando de comer, porque adelgaza o resto do corpo pero a gordura segue instalada nesas zonas difíciles. É a típica obesidade que lles afecta ás mulleres xa que son as hormonas femininas, os estróxenos e a proxesterona, as que contribúen á que non se consuma axeitadamente a graxa. Se temos este tipo de distribución de graxa pasar fame non solucionará o problema e ata pode ser peor, xa que co xaxún o noso metabolismo acabará ralentizándose. Se o que temos máis prominente son os glúteos e cadeiras o mellor é o exercizo anaeróbico: carreiras de velocidade, adestramento por intervalos ou pesas. Se o noso problema son as pernas “de columna” temos que combinar exercizo con productos e masaxes que melloren a circulación. En ambos casos se millora con cavitación, plataforma vibratoria, presoterapia ou drenaxes linfáticas.

-Sobrepeso de sedentarismo: sóbrannos só tres ou catro quilos, e acumulámolos nos flancos, a xeito de michelíns. Basta con aumentar a nosa actividade física e reducir paulatinamente o consumo excesivo de hidratos que adoita estar detrás desta lixeira gordura. Acurtaremos o proceso, e conseguiremos máis firmeza, engadindo cavitación e vacumterapia.

Hai moito que puntualizar pero, de xeito resumido, esta clasificación pódenos axudar a planificar a nosa perda de peso, enfrontándonos ao que non nos gusta de nós mesmos repetindo aquilo de “espelliño, espelliño máxico…”

Por Fran Gómez,
Adestrador persoal e Nutricionista deportivo.

Pin It