O Multiusos ampliará salas e mellorará equipamentos

Co obxectivo de perfecionar o equipamento e o acceso ás instalacións do recinto compostelán vaise proceder á reestructuración dalgunhas zonas dos edificios.

No recinto do Multiusos crearanse tres novas salas de usos múltiples e ampliarase a sala de musculación, co fin de atender as esixencias dunha demanda cada vez máis crecente. As tres novas salas polivalentes, nas que se desenvolverán actividades dirixidas (step, combat, bodystep, aerobic, capoeira.), ocuparán un total de 510m² e contarán coas mellores condicións de equipamento e climatización (tarima flotante, equipo de música e material específico necesario para o correcto exercicio das actividades). A sala de musculación ampliará a súa superficie en 150 m² e equiparase cun circuito de tonificación composto por 20 máquinas de última xeración e con unha zona de estiramentos.

Por outra banda, pensando no benestar de aquelas persoas que utilizan habitualmente a piscina, traballarase para mellorar o acondicionamento dos vestiarios e a vía de acceso á área do globo presostático. Vanse ampliar os vestiarios de inverno das piscinas exteriores e vanse incorporar (tanto no vestiario feminino coma no masculino) baños de vapor e sauna.

Tamén se mellorará o túnel de acceso ó globo presostático coas convenientes instalacións de alumeado, electricidade e climatización.

Pin It