Pecha a Bibliopiscina Fontes do Sar cun balance positivo

O 31 de agosto pechou ata o vindeiro verán a Bibliopiscina, unha iniciativa enmarcada dentro do programa de actividades “Vive o verán” que foi organizada pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, a Concellaría do Medio Ambiente e o Multiusos Fontes do Sar.

E para rematar cun bo sabor de boca, a carpa pechou ao público cunha festa especialmente pensada para os máis pequenos, na que puideron gozar de balde de diversas actividades de lecer: un gran xogo da Oca con probas divertidas na que puideron participar nenos e nenas de todas as idades, xogos cooperativos por toda a piscina… e unha gran merenda final na que participaron todos os asistentes. A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, e mais o xerente do Multiusos Fontes do Sar, Santiago López Cuadrado, achegáronse ata a instalación para participar da clausura do evento.

Balance satisfactorio

Durante os meses de verán a Bibliopiscina Fontes do Sar permitiu aos rapaces a posibilidade de achegarse á lectura -libros, cómics, guías, álbums, libros de entretemento… – mentres gozaban das actividades acuáticas, e aos adultos gozar de agradables momentos de lectura grazas á oferta de numerosos diarios e libros. A pesares da inestabilidade do tempo, o número de empréstitos totais superou considerablemente ao do ano anterior, xa que nesta ocasión se fixeron un total de 2.197 usos, mentres que no mesmo período do ano 2008 se fixeron 1.783.

No mes de xullo realizáronse en total 950 empréstitos, dos cales 351 foron libros e 599 foron xogos. No mes de agosto, cando a asistencia ás piscinas Fontes do Sar se incrementou debido ao bo tempo, o número de empréstitos foi de 1.247, dos cales 487 foron libros e os 760 restantes xogos. O día de máis usos coincidiu cun dos días máis calorosos do verán, o 13 de agosto, cando se chegou aos 150 empréstitos.

Entre os libros máis lidos en galego polos rapaces estivo a colección de “Os bolechas”, e os que se decantaron pola lectura en castelán o fixeron en gran medida pola colección de libros de animais de “Zazún”. Algúns dos xogos máis demandados polo público infantil foron o de pesca e os xogos de construcción de estruturas.

Pin It