ARTIGO. “O exercicio físico e a densidade mineral ósea”. Dr. José R. Caeiro.

Dr. José R. Caeiro Rey, Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela

A osteoporose e e as súas consecuencias, as fracturas osteoporóticas, supoñen hoxe en día unha alta porcentaxe do volume total de pacientes atendidos nos servizos de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía de toda Galicia. Aínda que todavía non se ten unha aproximación exacta do número total deste tipo de fracturas, estímase que se producen ao mes na nosa Comunidade unhas 350 fracturas osteoporóticas con significación clínica entre as mulleres e homes maiores de cincuenta anos, o que supón máis de 4000 fracturas desta natureza ao ano.

Factores de riesgo. En xeral, o sexo feminino, a idade avanzada, o baixo peso corporal, o tabaquismo, a toma de tres ou máis doses de alcol ao día, a menopausia precoz, a artrite reumatoidea, o tratamento con glucocorticoides, a baixa densidade mineral ósea, a presencia dunha fractura por fraxilidade previa e os antecedentes paternos ou maternos de fractura de cadeira son algúns dos factores de risco máis importantes de fractura osteoporótica.

Recomendacións aos pacientes. De xeito xeral en todos aqueles pacientes con risco de fractura osteoporótica recoméndase una dieta equilibrada, cun aporte suficiente de calcio e de vitamina D; suprimir o tabaco e o consumo excesivo de alcol; realizar programas de exercicio físico aeróbico con carga de peso, adecuados ao estado físico do paciente e destinados a disminuir a perda de masa ósea e a mellorar a función neuromuscular. Tamén se aconsella previr as caídas, eliminando os obstáculos físicos que poidan favorecelas (boa iluminación, pavimentos antideslizantes, eliminar alfombras, evitar solos mollados, etc), corrixindo os déficits sensoriais do paciente (graduación da vista, audición, etc.) e disminuíndo no posible os fármacos con efectos negativos sobre o tono muscular ou a vixilia. Recoméndase ao paciente poñerse en contacto co seu médico de atención primaria ou especialista, para evaluar a densidade mineral ósea e o risco absoluto de fractura aos 10 anos, establecendo segundo isto as medidas farmacolóxicas e non farmacolóxicas precisas para disminuír este risco.

O exercicio físico axuda a previr e a tratar a osteoporose. O exercicio físico, imprescindible durante a infancia e a adolescencia para acadar o máximo pico de masa ósea, resulta tamén de gran importancia para previr a perda de masa ósea e para mellorar os parámetros estructurais óseos nas mulleres postmenopáusicas e nas persoas maiores. Amais, o exercicio físico mellora o tono e a forza muscular, a coordinación motora e o equilibrio (estático e dinámico), disminuíndo así o risco de caídas e por tanto o de fracturas, especialmente o de fractura de cadeira. Por todos estes motivos resulta especialmente importante aconsellar a inclusión das mulleres postmenopáusicas e das persoas maiores en programas de prevención e tratamento da osteoporose a través da actividade física.

É aconsellable realizar actividades aeróbicas de intensidade leve ou moderada. Neste tipo de programas adóitanse recomendar os exercicios aeróbicos con carga de peso e impacto de intensidade leve ou moderada como caminar, carreira suave, baile de salón, tai-chi, etc., debendo evitarse os exercicios de alto impacto e de flexión de tronco, polo risco de provocar fracturas vertebrais. Caminar adoita resultar apropiado para a maioría das persoas maiores sanas, xa que aos beneficios cardiovasculares e óseos deste tipo de exercicio ten que sumarse o beneficio adicional da mellora no rendemento nunha das máis importantes actividades da vida diaria.

Recoméndase facer exercicio físico polo menos tres veces por semana. Os hábitos de exercicio deben ser constantes e realizarse polo menos durante 20 minutos tres veces por semana, xa que se sabe que os efectos beneficiosos do mesmo desaparecen se se deixa de facer. A práctica de exercicio físico resulta por tanto altamente beneficiosa non só como método de prevención da fractura osteoporótica senón como parte do tratamento rehabilitador integral dos pacientes que sufriron unha fractura por fraxilidade, en especial unha fractura de cadeira, contribuíndo neste tipo de pacientes a mellorar a súa autosuficiencia e a súa calidade de vida.

Pin It