ARTIGO. “Como podo aumentar o meu rendemento deportivo?”. Por Jose Carril.

Como podo aumentar o meu rendemento deportivo?
O traballo convencional nun centro de fitness pódese complementar con técnicas e tratamentos que axudan a potenciar os resultados e a mellorar a condición física. A electroestimulación, a plataforma vibratoria ou a presoterapia, servizos ofertados no Multiusos Fontes do Sar, constitúen ferramientas eficaces para incrementar o rendemento deportivo.
Electroestimulación.
A electroestimulación aporta importantes beneficios no adestramento se se aplica de xeito correcto. Esta técnica consiste en inducir a contracción da fibra muscular de xeito artificial mediante a creación dunha diferencia de potencial entre uns electrodos de superficie. Segundo se ten constatado en recentes estudos, o traballo activo con electroestimulación provoca un maior e máis rápido aumento do tono muscular localizado que outro sistema de adestramento (glúteos, abdominais, muslos…) e axuda a aumentar a forza explosiva en maior grao que o adestramento voluntario. Amais, esta técnica proporciona unha excelente masaxe e unha perfecta recuperación en lesións (pernas cansas, contracturas, tendinitis…); aumenta a rexeneración e osixenación de tecidos; constitúe unha excelente axuda para terapias de diminución de porcentaxe de graxa; provoca a desaparición ou redución da dor (cervicalxias, lumbalxias, epicondilitis..); causa o aumento da resistencia local por transformación de fibras intermedias en lentas; e disminúe as lesións e a fatiga en deportistas (Piti Pinsach).
Plataforma vibratoria profesional.
A plataforma vibratoria Body Coach, que se pode atopar no Multiusos Fontes do Sar, xera no sistema músculo-tendinoso unha contracción reflexa que axuda a mellorar a condición física, especialmente no adestramento deportivo, obtendo resultados superiores en termos de forza explosiva, forza máxima, resistencia, potencia e amplitude articular, nun período de tempo menor que co adestramento convencional. A plataforma aumenta o metabolismo basal -o requerimento calórico básico en repouso- e o gasto calórico grazas ao traballo muscular. Amais, os niveis de Cortisol –a hormona do stress- baixan, polo que aumenta a sensación de benestar. Asimesmo, é unha ferramenta eficaz para previr a osteoporose, amais dun complemento idóneo na recuperación de doenzas como a atrofia, hipononia muscular, pubalxia, problemas no tendón de Aquiles, rehabilitación nas rodillas, esclerose múltiple…
Presoterapia.
O tratamento con presoterapia axuda a mellorar a circulación venosa e a eliminar o exceso de líquido nos membros inferiores, grazas a unha masaxe compresiva con aire. Esta técnica mellora a circulación venosa nas pernas e axuda a deshinchalas, polo que é moi útil para persoas con pernas cansas. Amais, ao aumentar a circulación linfática, tamén favorece a eliminación das toxinas e consecuentemente estimula o sistema inmunolóxico. Asimesmo, estimula e tonifica os músculos das pernas, alivia a fatiga, axuda á relaxación e disminúe os calambres musculares. Se se traballa cun fisioterapeuta, pode chegar a acortar os tempos de recuperación e a aumentar o rendemento do deportista.

Pin It