A Volta a España “pasa” este mércores polo Multiusos Fontes do Sar

Os usuarios do Multiusos Fontes do Sar que acuden estes días ás clases de Fitbike están a reproducir sobre a bicicleta de ciclismo indoor varias etapas da Volta a España. O mércores, continuando con esta dinámica, a sesión das 20:15h. emulará as partes de maior interese do tramo que transcorre entre Verín e a Estación de Montaña de Manzaneda, e amais ofrecerá a posibilidade aos asistentes de controlar a súa frecuencia cardíaca en tempo real coa visualización por cores das zonas de intensidade persoal a través do sistema de monitorización co que conta a instalación deportiva.
Os abonados do Multiusos Fontes do Sar que participen na actividade de Fitbike do mércores poñeranse así na pel dun ciclista e experimentarán as sensacións de percorrer os fragmentos máis interesantes da etapa que circula pola nosa comunidade. O instructor actuará como director de equipo e, ao tempo que dirixirá o pelotón, encargarase de adaptar o esforzo da clase ao perfil da etapa e controlará a evolución dos integrantes en función da súa frecuencia cardiaca máxima grazas ao sistema de monitorización en tempo real implantado na instalación. Ao final da actividade enviarase a cada participante un informe persoalizado por e-mail que inclúe información da valoración do esforzo e do progreso, un histórico das sesións e consellos para as seguintes clases.

Pin It