Ana Martínez, instructora: “Unímonos á celebración de España cunha clase especial”

– Levas no Multiusos Fontes do Sar case dende os inicios da xestión de XADE. ¿Que cambiou dende aquela?
A plantiña de compañeiros creceu co tempo. As instalacións adaptáronse ás necesidades dos usuarios, con máis salas e mellores máquinas. E nótase que a xente está cada vez máis concienciada da importancia do exercicio físico.
– E ti, ¿reciclácheste cos anos?
No mundo do fitness non podes baixar a garda. Se queres ofrecer aos teus alumnos clases de calidade e innovadoras tes que avanzar coas novidades do mercado e nunca podes deixar de formarte.
– En todo este tempo destacaches pola túa polivalencia, facéndote cargo de clases dirixidas diversas: batuka, estilos, abdominais e glúteos, elyptic… ¿Con que actividade te sintes máis cómoda?
Cando me comprometo cunha nova actividade poño o maior empeño posible para realizala con éxito. E este mesmo entusiasmo tento transmitirllo aos meus alumnos a través das miñas clases. Gozo con cada unha das actividades que dou, aínda que ben é certo que me identifico máis coas de baile.
– ¿Cal lle recomendarías a unha persoa que comeza a facer deporte?
En función de gustos, necesidades e obxectivos oriento á persoa sobre as actividades que poden aportarlle o que busca. É importante guiar aos usuarios cara a unha actividade na que se sintan cómodos, porque se non é así o que conseguiremos é que se desmotiven e abandonen o exercicio.
– Ofreciches actividades extraordinarias de aeróbic e rock & roll, Elyptic con ambiente de Entroido, etc. ¿Como responde a xente ante este tipo de iniciativas?
Cando organizo algunha actividade especial a resposta da xente é excelente. Ás veces son eles, coa súa imaxinación, os que consiguen sorprenderme a min. Involúcranse de tal xeito que incluso hai quen chega a cambiar quendas no traballo para poder asistir a estas clases.
– E agora, co triunfo de España no Mundial de Fútbol, ti e os teus alumnos vos vestíchedes para celebralo… ¿como foi esta clase?
Queriamos unirnos á celebración, así que nos vestimos para a ocasión e preparamos una clase especial, na que no faltaron temas coma o “Waka-waka” de Shakira ou o “Wavin’ Flag” de Bisbal. Ao tempo que fixemos exercicio, conseguimos divertirnos e gozar do momento.
– Na túa opinión, ¿por que a xente debe facer deporte?
Ás veces só nos lembramos do deporte cando o médico nos comenta: “debería vostede facer un pouco de exercicio”. Non agardemos a que chegue ese momento e démoslle ao exercicio físico a importancia que se merece.

Pin It