ARTIGO. “Prepárate para gozar do Camiño de Santiago”. Por Merchi Carrillo.

Entre os moitos peregrinos que realizan este ano o Camiño de Santiago atópanse numerosos compostelanos que se animan a participar da experiencia. Para os que esteades pensando en aproveitar o Ano Santo para gozar desta oportunidade, aquí vos deixamos unha serie de recomendacións para minimizar os problemas físicos que o esforzo vos poida ocasionar.
¿Como me debo preparar previamente?
Practicamente calquera persoa pode facer o Camiño de Santiago, independentemente da súa condición física. No entanto, para levalo mellor e evitar na medida do posible maniotas, tiróns, sobrecargas musculares e outras lesións, é recomendable prepararse durante os meses previos á peregrinación. Así, para incrementar a túa forza e a túa resistencia, é aconsellable que sigas a táboa de adestramentos que te indique o instructor de sala de musculación e de cardiovascular. É convinte insistir no fortalecemento das costas, das zonas abdominal e lumbar, que nos axudarán a soportar o peso da mochila durante moitos kilómetros, e das extremidades inferiores, que acumulan a maioría do esforzo durante o Camiño. Especialmente se estás pensando en facer o traxecto en bicicleta, amais de programar varias sesións no exterior, asistir con regularidade a clase de Fit-Bike permitirache experimentar sensacións similares ás subidas e baixadas que atoparás no teu camiño. Se vas ir a pe, sería convinte que saíses camiñar a miúdo, tres ou catro veces por semana, incrementando as horas de marcha a medida que se achegan as datas de inicio da peregrinación. En calquera caso, é aconsellable que durante as semanas previas de preparación leves o mesmo calzado e a mochila que portarás ao longo do Camiño.
¿Como podo soportar mellor as primeiras etapas?
Planifica o percorrido con coherencia. O agotamento físico é a miúdo causa de abandono e para evitalo é preciso realizar unha boa preparación previa, non excederse nos kilómetros diarios e facer unha alimentación enerxética. Os primeiros días, aínda que nos sintamos con forza e con gañas, non debemos abusar das nosas condicións realizando largos percorridos. Se nos excedemos ao principio, o sobreesforzo inicial nos pode pasar factura ao longo do Camiño. É convinte que fagas paradas cada media hora ou cada hora para repoñer forzas, beber líquidos e, se é o caso, inxerir algún alimento. Para non deshidratarnos é moi importante beber con frecuencia, antes de ter sensación de sede.
¿Que teño que facer antes e despois de cada etapa?
As maniotas, os calambres e as dores musculares son habituais durante as primeiras xornadas, e pódense mitigar realizando estiramentos antes de empezar e ao rematar cada etapa, incidindo nos ombros, as cervicais, as costas e as pernas. Antes de comezar cada etapa os estiramentos serán suaves e rotatorios nas articulacións. Cando a finalicemos, os estiramentos deben ser dun mínimo de 20 segundos por grupo muscular e deben realizarse con intensidade. Asimesmo, o descanso é fundamental para recuperarnos para aa seguinte xornada.

Pin It