Preto de 9.000 persoas gozaron do directo de Mark Knopfler

Mark Knopfler fixo parada en Santiago de Compostela para presentar ante o público galego o seu novo traballo, “Get Lucky”, e para regalar aos seus seguidores varios dos seus temas máis sonados. Alma mater de Dire Straits, o artista escocés subiu ao escenario do Multiusos Fontes do Sar pasadas as dez da noite e deleitou aos preto de 9.000 asistentes con case dúas horas de intensa actuación.
O escocés estivo rodeado no seu directo por Guy Fletcher (teclados), Danny Cummings (batería), Richard Bennett (guitarra), Glenn Worf (baixo), Matt Rollings (teclados) John McCusker (violín) e Mike McGoldrick (flauta). Os momentos máis álxidos do concerto chegaron cando Knopfler deixou caer varios dos temas que o catapultaron ao éxito ao bordo dos Dire Straits, como‘Romeo and Juliet’, ‘So Far Away’, ‘Brothers in Arms’, e ‘Sultans of Swing’. As cancións asinadas durante o seu percorrido en solitario tamén acadaron a admiración do público, con cancións coma a que deu comezo ao concerto, “Border Reiver”, “What it is”, “Done with Bonaparte”, “Coyote” ou “Marbletown”.
O concerto, patrocinado por Xacobeo 2010, enmárcase dentro da xira “Get Lucky Tour” que o artista está a desenvolver durante os meses de verán, con sesenta concertos en máis de vinte países europeos. As once cancións do álbum que presenta son unha exploración das raíces musicais de toda unha vida, abordadas cunha extraordinaria combinación do folk e o blues coa súa orixinal forma de composición, con ingredientes británicos personalizados e unhas letras froito da observación máis vívida. Gañador de varios Grammy ao fronte de Dire Straits, vendeu millóns de discos en todo o mundo, colleitou éxitos con temas como “Money Is For Nothing”, “Sultans of Swing” ou “Romeo and Juliet”, e foi capaz de crear un son único que marcou unha parte da historia da música universal.

Pin It