Fito & Fitipaldis xuntaron a preto de 8.000 persoas no Multiusos

O exitoso tour “Antes de que cuente diez” recalou o venres 19 de novembro no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela, nunha actuación que contou co patrocinio de Fundación Caixa Galicia. Fito & Fitipaldis fixeron parada na capital galega para presentar o seu último disco e para regalar ao público algúns dos seus temas máis sonados. Preto de 8.000 persoas non quixeron perderse as súas case dúas horas de intenso directo, precedidas pola actuación de La Cabra Mecánica. Despois da cita en Compostela, a banda bilbaína percorrerá os escenarios de Valladolid, Valencia, Barcelona, Zaragoza, para pechar definitivamente o telón desta xira o 28 de decembro cun concerto no Palacio dos Deportes en Madrid.

Fito volveu ao Multiusos tres anos despois de actuar con Calamaro
Andrés Calamaro e Fito & Fitipaldis colgaron o cartel de entradas esgotadas no Multiusos Fontes do Sar fai tres anos, o 21 de xullo de 2007, cando emprenderon xuntos a súa xira “2 son multitud”.

Antes de que cuente diez
Fito & Fitipaldis lanzaron ao mercado o seu álbum “Antes de que cuente diez” en setembro de 2009. Cinco semanas consecutivas no máis alto das listas de vendas e o Premio Ondas 2009 a Fito Cabrales como Mellor Artista Nacional certificaron o seu bo momento de forma. O 6 de novembro, Fito & Fitipaldis arrancou en Santander o tour que levaba por nome o título do seu disco, e co que colleitarían grandes triunfos. Despois de intensos meses de xira, fixeron descanso no verán para actuar na sala Clapham Grand de Londres, onde lograron un cheo absoluto, e en Shangai, para actuar na Exposición Universal. En setembro retomaron de novo a súa xira española para continuar coa presentación do seu último traballo.

Pin It