ENTREVISTA A PAULA GARCÍA, instructora de fitness. “Os que veñen a clase desconectan, coñecen xente e vense mellor”

Eres instructora de fitness no Multiusos Fontes do Sar e no C.D. Santa Isabel. Que te levou a adicarte a isto?
Mentras acababa de estudar C.O.U. tiña bastante tempo libre ao ter poucas clases e apunteime no ximnasio. Pronto me dei de conta de que iso era o que me gustaba, que as clases cada día me enganchaban máis e máis… e aí foi cando decidín empezar a prepararme como monitora.
Na actualidade das clase de Tono, Abdominais e Glúteos, BodyStep… Como lograches formarte nestas disciplinas?
En primeiro lugar estudei o ciclo de Técnico Superior de Animación de Actividades Físicas e Deportivas. Unha vez que entrei a traballar en Santa Isabel e Sar déronme a opción de formarme para certas disciplinas e aceptei encantada. Fixen cursos de Bodystep, Bodypump, Bodycombat, Bodyvive… nos que amais de ensinarche coreografías, explícanche como interactuar cos alumnos, saber correxilos, realizar rutinas…
Que che aportan as túas clases? Que cres que lle aportan aos demáis?
Para min dar clase, amais do meu traballo, é o meu hobby. Pásoo estupendamente, porque á vez que traballo o meu corpo, desconecto dos problemas, nótome mellor física e psicolóxicamente. Saes relaxada á vez que sintes que traballas duro, e ves que a xente desfruta e tenta superarse en cada clase. Os que veñen a clase desconectan da vida diaria, dos seus problemas, coñecen xente nova, vense mellor por fóra e tamén por dentro, porque chegan cansos e saen como novos.
Cal lle recomendarías a unha persoa que empeza a facer deporte?
Eu empezaría con clases como A.F.S., tono, abdominais e glúteos, elíptica… nas que van aprendendo os pasos básicos, para logo poder ir introducíndose en clases como bodystep, aeróbic… que teñen unha longa variante de pasos e coreografías.
Unha das actividades dirixidas con máis demanda é BodyStep, que busca a xente coa asistencia regular a esta clase?
É unha clase moi completa, na que amais de facer moito traballo cardiovascular, tonifícase o tren inferior (perna) e tamén se traballa moito cos brazos. É unha das clases máis amenas e divertidas. A xente que vén sempre volve. Pásano ben á vez que queiman calorías.
Na túa opinión, por que a xente debe facer deporte?
Por todos os beneficios que aporta. Veste mellor por fóra e por dentro, notas que na vida cotiá te cansas menos, estás máis áxil, tes máis enerxía, evitas moitos tipos de lesións… e se á vez que fas deporte coñeces xente nova e desfrutas nas clases, moito mellor.

Pin It