Preto de 5.000 persoas gozaron en directo cos éxitos de CANTAJUEGO

O grupo Encanto volveu ao Multiusos Fontes do Sar para facer gozar coas súas músicas e coreografías aos nenos e nenas de Compostela. O espectáculo contou co patrocinio da Fundación Caixa Galicia e o Departamento de Educación do Concello de Santiago. Preto de 5.000 persoas puideron desfrutar en directo do exitoso formato creado polo arxentino Pedro Zaidman. A música e os movementos das súas cancións máis coñecidas (“Tallarín”, “La taza”, “El cocodrilo”…) e os múltiples villancicos que cantaron e coreografiaron, fixeron que os nenos, pero tamén os pais, o pasaran en grande.
Un proxecto pedagóxico de éxito
CantaJuego converteuse nos últimos anos nunha das propostas musicais e didácticas preferidas polos nenos e polos seus pais. Trátase dun proxecto pedagóxico e musical en formato audiovisual, desenvolvido por especialistas na estimulación psicomotriz e o traballo psicopedagóxico. Especialmente orientado aos nenos e nenas de 0 a 6 anos, “Cantajuego” propón empregar a música e o movemento para poñer en funcionamento a imaxinación e a fantasía e, en definitiva, para axudar a desenvolver a psicomotricidade, potenciar o mundo afectivo e as relacións sociais.

Pin It