Masterclass de Bodystep para coñecer as vantaxes do adestramento monitorizado

Logo de que recentemente se implantara un sistema de monitorización da actividade física nas instalacións deportivas, o Multiusos Fontes do Sar organizou varias clases de Bodystep para que os usuarios experimentaran as vantaxes deste método.

Actividades extraordinarias de Bodystep
A semana pasada o Multiusos Fontes do Sar programou unha serie de masterclass de Bodystep nas que os asistentes puideron gozar dunha experiencia diferente e conseguir magníficos agasallos. A instalación prestou 20 bandas Suunto entre os participantes das clases para que coñeceran directamente como se traballa nunha sesión destas características grazas a un adestramento monitorizado da frecuencia cardíaca.
Os usuarios que colocaron a banda puideron saber as Kcal que consumían nunha sesión, a porcentaxe da Frecuencia Cardíaca á que traballan, o efecto do adestramento… e recibiron no seu correo electrónico un informe personalizado da sesión con información sobre o traballo realizado e unha serie de recomendacións para levar á práctica na seguinte sesión.
Amais, os vinte afortunados que participaron na clase especial de Bodystep coa banda entraron no sorteo de 3 pulsómetros Suunto e varias sesións de plataforma vibratoria, de presoterapia, de electroestimulación e hixienes faciais no centro de estética Multiestetic, no Multiusos Fontes do Sar.

Unha aposta polo adestramento monitorizado con pulsómetro
As instalacións incorporaron recentemente o método de adestramento Suunto Fitness Solution, un sistema de monitorización da actividade física que permite obxetivar o rendemento deportivo do usuario. Trátase dun sistema que permite coñecer a frecuencia cardíaca en tempo real con visualización por cores das zonas de intensidade persoal de cada un dos participantes nunha actividade.
O usuario que, téndose rexistrado previamente, leva á clase unha cinta de frecuencia cardíaca Suunto compatible con Fitness Solution, pode visualizar na pantalla as súas pulsacións en cada instante e a súa porcentaxe de traballo en relación á súa frecuencia cardíaca máxima, co que pode valorar en cada momento a intensidade do seu rendemento deportivo.

Pin It