As piscinas Fontes do Sar cambiarán o globo presostático por unha cuberta telescópica e estarán temporalmente pechadas

Porque queremos seguir mellorando ao teu lado; porque queremos que desfrutes dunhas mellores instalacións e de servizos de maior calidade; temos unha nova importante que contarche.

O globo presostático que cubre as piscinas Fontes do Sar durante o inverno será substituido nos vindeiros meses por unha estrutura telescópica que permitirá que todos gañemos en comodidade, seguridade e confort. O cambio será moi positivo e fará que sumemos en benestar, en estética, en funcionalidade e en eficiencia enerxética.

Por que agora?

Porque a cuberta presostática existente xa non cumpre cos requisitos esixidos na actualidade:

  1. Por seguridade: unha empresa externa acaba de certificar que, debido aos seus anos de uso, o globo que cubre a piscina xa non é seguro.
  2. Por protocolos COVID-19: nas circunstancias actuais esta cuberta non permitiría cumprir cos requisitos esixidos pola Covid-19.

Que pasará agora?

Mentres dure o proceso de montaxe da nova estrutura, as piscinas Fontes do Sar estarán pechadas temporalmente, ata que poidas desfrutar dun novo espazo de maior calidade. Sabemos que se trata dunha situación incómoda, pero queremos que entendas que é algo temporal co obxectivo de que pronto poidas desfrutar dun espazo mellorado.

Que facemos os usuarios que queremos ir nadar?

Entretanto, os abonados poderedes seguir utilizando indistintamente ambas instalacións, co fin de que vaiades á que máis vos conveña e que todos poidades empregar a piscina existente no C.D. Santa Isabel. O horario deste centro, co fin de que teñades máis marxe para acceder, ampliarase coa apertura os sábados a partir das 8h, e os domingos pola tarde, de 16 a 20 h.

Que pasará cos cursiños de natación?

Os cursiños de natación celebraranse no C.D. Santa Isabel e poderán acceder a eles tanto os abonados desta instalación como os do Multiusos Fontes do Sar. A inscrición, que nesta edición será só a través da web para facilitar os trámites online, abrirase para abonados adultos o 24 de setembro e o día seguinte para os nenos. Os non abonados poderán anotarse o 29 de setembro no caso dos adultos e o día 30 os nenos. A oferta de prazas acorde a estas circunstancias darase a coñecer esta semana. Haberá cursiños de iniciación, perfeccionamento, maiores de 60 anos, natación preparto, terapéutica…

Pin It